Cantigas e Murais para o coñecemento do Reino Medieval de Galicia

O proxecto foi unha proposta educativa, artística e musical centrada na divulgación do Reino Medieval de Galicia, desenvolvida en cinco centros de ensino secundario da provincia da Coruña.

A iniciativa combinou concertos didácticos, murais artísticos e materiais pedagóxicos para achegar ao alumnado á historia, á literatura e á música galega medieval desde unha perspectiva participativa e interdisciplinar.

A muralista Raquel Germade creou en cada centro unha pintura sobre unha figura histórica vinculada ao Reino de Galicia, situada en espazos visibles e culturais como bibliotecas ou aulas de lingua.

Paralelamente, o músico Xoán Curiel ofreceu concertos didácticos con repertorio de cantigas medievais interpretadas con instrumentos tradicionais, acompañados de explicacións históricas e momentos de coloquio co alumnado. A unidade didáctica incluída —complementada co disco Treides comigo!— serviu de apoio nas aulas, permitindo traballar coas cantigas desde unha perspectiva lingüística e histórica.

O proxecto incluíu tamén a gravación audiovisual das actividades e entrevistas co alumnado, co obxectivo de xerar un teaser final para redes sociais e divulgar a experiencia educativa.

A colaboración cos equipos docentes foi clave: propuxéronse sinerxías como a participación de alumnado no concerto, visitas guiadas durante a creación dos murais ou a selección conxunta das cantigas.

Cantigas e murais para o coñecemento do reino de Galicia combinou así expresión artística, patrimonio, música e historia, xerando un impacto duradeiro na comunidade educativa e contribuíndo a poñer en valor a memoria do Reino de Galicia entre as xeracións máis novas.

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros para o seu correcto funcionamento e con fins analíticos. Contén ligazóns a sitios web de terceiros con políticas de privacidade externas que pode aceptar ou non cando accede a eles. Ao facer clic no botón Aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o tratamento dos seus datos para estes fins.    Personalizar cookies
Privacidad