Proxecto que combina unha parte lúdica coa de divulgación histórica a través dun xogo de cartas cooperativo ambientado no Reino de Galicia. A proposta partiu da idea de acompañar un viaxeiro no tempo perdido na historia medieval galega, axudándoo a reconstruír a liña temporal correcta mentres se evitan eventos ficticios que poderían causar interferencias no tempo.
Esta dinámica, baseada na cooperación e na comunicación limitada, permite ás persoas xogadoras desenvolver habilidades como o pensamento crítico, o traballo en equipo e a toma de decisións.
O proxecto tivo como obxectivo principal achegar a historia medieval galega a públicos non académicos, con especial atención á comunidade educativa, fomentando o interese polo pasado e cuestionando os relatos historiográficos oficiais. Para iso, seleccionáronse acontecementos e personaxes pouco visibilizados, con énfase na presenza de mulleres relevantes na historia do Reino de Galicia, como Sancha I, Urraca ou María a Balteira.
O xogo contou cun deseño portátil, accesible e sen taboleiro, pensado para facilitar o seu uso en distintos contextos, tanto escolares como culturais. Ademais, incluíu unha dimensión transmedia grazas á realidade aumentada e a unha wiki en liña con información ampliada sobre os feitos representados en cada carta.