Tivo como obxectivo principal traducir ao galego os episodios máis significativos da Historia Compostellana, unha crónica medieval escrita en latín a comezos do século XII en Santiago de Compostela.
Esta obra, coñecida tamén como Registrum Didaci Gelmirici, constitúe un dos documentos históricos máis ricos da Europa do seu tempo e unha fonte esencial para entender a Galicia medieval, a expansión da sé compostelá e as relacións internacionais dos reinos cristiáns da Península Ibérica.
O proxecto centrouse non só na vertedura lingüística, senón tamén na selección coidada dos fragmentos máis relevantes e curiosos do texto, co fin de articular unha guía introdutoria accesible, visual e narrativa para públicos actuais non especializados. Pretendeuse así construír un verdadeiro “gabinete de curiosidades medievais”, que permitise achegarse ao contexto político, eclesiástico e cultural do tempo de Diego Xelmírez dun xeito ameno, rigoroso e atractivo.
A iniciativa non se limitou ao formato impreso: a escolma deu lugar tamén a unha presentación-espectáculo multimedia, que combinou voz, música e imaxes, á gravación dun audiolibro e á creación dunha web asociada, ofrecendo unha experiencia transmedia que expandiu a difusión e o impacto do proxecto.
A través destas accións, DISCORDIA & RECONCILIATIONE contribúe á revalorización dun texto fundamental do medievo galego e á súa incorporación ao imaxinario colectivo contemporáneo.