Proxecto web para divulgar o patrimonio fortificado da provincia da Coruña. A iniciativa buscou cubrir un baleiro informativo existente, xa que ata o momento non había ningunha plataforma galega que reunise, desde unha perspectiva divulgativa e turística, información sobre castelos e fortalezas medievais e modernas do territorio.
A web aborda o período comprendido entre o Reino Suevo e a centralización administrativa de 1833, data considerada por diversos historiadores como o fin do Reino de Galicia como entidade política.
Para facilitar o acceso ao público, a plataforma estruturouse arredor dun mapa interactivo con fichas descritivas de cada fortificación, galerías fotográficas, rutas recomendadas e textos elaborados por especialistas en historia medieval.
Os contidos da páxina organízanse en varias seccións: unha introdución sobre as paisaxes fortificadas, información sobre castelos medievais e fortalezas modernas, unha selección de itinerarios turísticos e un apartado de descargas con publicacións e rutas en formatos dixitais.
A web foi deseñada con tecnoloxía responsive para garantir unha óptima visualización en todos os dispositivos e contou cun sistema escalable que permitiu a ampliación futura do catálogo.
Dirixida tanto ao público xeral como a afeccionados á historia e ao turismo cultural, FOREGA serve como unha ferramenta clave para a difusión e preservación do patrimonio fortificado da Coruña, facilitando o seu coñecemento e incentivando a súa visita.