Proxecto que rescata e adapta á banda deseñada un relato de Víctor Hugo sobre García II, o derradeiro rei de Galicia. Publicado dentro da súa obra magna La légende des siècles, Le petit roi de Galice insírese na tradición medievalista dos autores románticos, presentando unha historia épica e poética que exalta a loita clásica entre o ben e o mal.
Nunha Galicia en tensión por manterse como reino independente, sete infantes raptan a Nuno, o primoxénito do rei García II. Será un enigmático cabaleiro francés, de nome Roldán, quen se embarque nunha vertixinosa aventura de rescate, deixando tras de si un rastro de sangue e traizón. Un relato de acción e honor que Inacio Vilariño e Iván Suárez adaptaron con mestría á banda deseñada, mantendo a forza narrativa e o lirismo da pluma de Hugo.
O proxecto materializouse nun libro de banda deseñada de 52 páxinas a toda cor, ilustrado por Iván Suárez, gañador do Premio Castelao de BD en 2009.
A través do cómic, buscouse achegar esta historia ao público xuvenil e adulto, combinando divulgación histórica cunha narrativa visual impactante.
Ademais da publicación, creouse un vídeo documental divulgativo de 10 minutos con información histórica, pensado para redes sociais e centros educativos, xa dispoñible na canle de YouTube de Demo Editorial.
Tamén se elaborou unha unidade didáctica de libre acceso, dispoñible para descarga na web da editorial, para profundar na figura do rei García e na reinterpretación do relato por parte de Víctor Hugo.
Con O REICIÑO DA GALIZA, recuperouse un episodio esquecido da nosa historia a través dunha obra que mestura lirismo e épica, converténdose nunha auténtica xoia da banda deseñada galega.