O proxecto tivo como obxectivo divulgar e poñer en valor a historia dos monarcas do Reino da Galiza, que existiu entre o 409 e finais do século XV.
Durante este longo período, a Galiza estivo gobernada por máis de 40 monarcas, cuxa figura e acción de goberno, a pesar de ser fundamentais na configuración da nosa historia, foron pouco coñecidas. A proposta buscou investigar e difundir estas figuras a través de diversas accións que combinaron rigor histórico e accesibilida de para un público amplo.
O proxecto incluíu a publicación dun total de 34 fascículos en Nós Diario, que se distribuíron de martes a venres entre setembro e outubro de 2022. Estes fascículos, cunha extensión aproximada de 12.000 caracteres e acompañados de imaxes históricas, detallaron a biografía e a influencia de cada monarca galego. Ademais, o proxecto contemplou a creación de 34 podcast de 5 minutos, que se difundiron nas plataformas dixitais de Nós Diario e nas redes sociais, especialmente orientados ao público xuvenil.
Unha parte fundamental do proxecto foi a creación dun banco de datos dixital que recolleu información complementaria sobre os monarcas galegos, incluíndo imaxes, documentos históricos e mapas. Este banco tamén ofrecía un foro para que o público puidese interactuar cos autores dos fascículos e resolver dúbidas.
Por último, o proxecto incluíu a elaboración de 8 rotas culturais e turísticas que permitiron aos cidadáns visitar espazos vinculados aos monarcas galegos, achegándose ao patrimonio material do Reino da Galiza. Estas rotas foron divulgadas a través dos fascículos e organizaron excursións para promover o turismo cultural.
O proxecto buscou fomentar o coñecemento da nosa historia e cultura, especialmente entre a mocidade, e contribuír á conservación e socialización do noso patrimonio histórico e cultural.