Iniciativa que recreou a vida medieval galega no contexto previo á batalla de Porto de Bois de 1371. O evento, organizado con rigor histórico, buscou divulgar o papel da nobreza galega no final da Idade Media, fomentar unha cultura de recreación fiel á época e sentar as bases para futuras edicións con maior alcance. Ademais, incluíu a produción dun pequeno documental para conservar a memoria da actividade e servir como material promocional.
Durante a xornada, as persoas participantes mergulláronse nun ambiente medieval recreado ao detalle. Para iso, contouse cun elenco de músicos que interpretaron pezas históricas, combatentes equipados con armas e armaduras documentadas, así como escribáns, boticarios e cociñeiros caracterizados segundo a época. Ademais, púxose a disposición do público equipamento realista, como tendas de campaña, escudos, armas seguras e vestimenta fiel ao século XIV.
A experiencia estruturouse nun programa inmersivo para 20 participantes, que incluíu unha mostra de escrita gótica bastarda, arengas dramatizadas, clases de esgrima histórica, un xantar con receitas medievais e demostracións do uso de lanzas e armaduras.
A actividade finalizou cunha dramatización da arenga ás tropas e o reparto de materiais informativos sobre a recreación da Guerra dos Castro.
O evento quedou rexistrado nun documental, no que se combinou a recreación da Galicia baixomedieval cun “trás das cámaras” sobre o proceso de organización e desenvolvemento da iniciativa.
Este material foi posteriormente difundido en redes sociais, tanto a través dos canais creados para Porto de Bois como dos colectivos Suevia Recriaçom e Cabaleiro Errante, coa intención de promover futuras convocatorias e atraer un público cada vez máis amplo.