[Universidade Hofstra, Nova York]

Historia de dúas fronteiras. Algunhas reflexións sobre as relacións con al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha de Galicia-León [1038 - 1065]

A principios de 2018, o profesor Bernard F. Reilly escribiume unha carta na que me invitaba a colaborar con él para rematar o seu último proxecto académico, un libro que titulou de xeito provisional Fernando I and the Resurgence of Christian Iberia, 1037-65 [Fernando I e o rexurdimento da Iberia cristiá, 1037-65]. Na carta, expresaba a súa firme opinión de que Fernando era un rei tradicional da liña asturiana, preocupado moito máis polo noroeste ibérico que pola meseta castelá. Estas ideas seguen a ser fundamentais no libro, que retitulei The Kingdom of León-Galicia under King Fernando I and Queen Sancha (o papel das mulleres reais na monarquía foi profundamente importante). Tratábase dunha monarquía composta, e a súa pluralidade xeográfica difusa reflíctese na forma en que se enumeran nos diplomas as diversas rexións nas que os referidos monarcas exercían o poder: León, Castela ou Galicia. Neste período, o dominio de Castela —en absoluto inevitable—aínda estaba moi no futuro. Castela era unha zona fronteiriza complexa e ambivalente: unha rexión ‘satélite’ na marxe do reino leonés. Pola contra, os lugares que moitas veces se imaxinan hoxe como periféricos ocupaban un papel central: entre eles estaba Galicia, un reino expansivo que incluía Portucale, a zona comprendida entre o Douro e o Miño, plenamente integrada no reino galego.

Estas reflexións teñen unha importancia básica para a forma en que tratamos as fronteiras do reino. Segundo as narracións tradicionais do século XI, os gobernantes leoneses foron capaces de exercer un dominio crecente sobre os reinos ta’ifa. Adóitase afirmar que como consecuencia deste dominio, Fernando puido extorsionar os chamados pagos de paria, supostamente impoñendo tributos por medio da súa superioridade militar: unha “racheta de protección” que se volvería a poñer en práctica outra vez no reinado de Afonso VI. Non obstante, a evidencia diso é sorprendentemente escasa. Os historiadores da Iberia medieval corren o risco de interpretar o século XI teleolóxicamente, vendo por todas partes sinais de guerra relixiosa e da cruzada, do ascenso de Castela, do conflito perenne cos reinos de al-Andalus, dominados polos musulmáns, e mesmo dunha eventual reconquista cristiá. Algúns dos reinos ta’ifa cos que se relacionarían os leoneses eran reinos extensos con economías comerciais fortes, así como unha vida intelectual ben sofisticada. Fernando I e a raíña Sancha non foron de ningún xeito dominantes en relación aos reinos ta’ifa, e non se centraron na chamada “reconquista”, senón na consolidación da autoridade real en León e Galicia-Portugal, mentres que de cando en vez defenderon os desafíos externos nas súas fronteiras castelás, tamén no reino de Navarra.

Os reis de León non estaban preocupados pola guerra relixiosa contra os seus veciños musulmáns, aínda que ás veces se atopaban en conflito con eles, do mesmo xeito que o facían cos outros veciños reinos cristiáns. Pola contra, Fernando e Sancha concentráronse en reconstruír e consolidar os seus reinos difusos, fráxiles e inseguros no noroeste, e especialmente na fronteira galego-portuguesa. Isto culminaría coa conquista de Coimbra no ano 1064. Nas fontes narrativas cristiás posteriores, que comezan coa Historia Silense, a loita por Coimbra é representada como unha disputa directa entre musulmáns e cristiáns. Pero esta non foi unha cruzada, guiada polo principio relixioso. Na batalla por Coimbra, probablemente houbese mozárabes loitando por ámbolos bandos. A mediados do século XI, as relacións relixiosas eran menos binarias e máis fluídas do que chegaron a ser despois; esta era unha cultura na que o cruzamento de fronteiras—no sentido de transferencias de fidelidade entre gobernantes musulmáns e cristiáns—era unha constante.

Simon R. Doubleday

É profesor de historia na Universidade de Hofstra, en Nova York. Licenciouse na Universidade de Cambridge (Inglaterra) e doutorouse na Universidade de Harvard (Estados Unidos), onde estudou co profesor Thomas Bisson. Entre os seus libros destacan The Lara Family: Crown and Nobility in Medieval Spain (2001), que foi traducido ó castelán co título Los Lara: nobleza y monarquía en la España Medieval (2004), e unha biografía cultural de Afonso X, titulada The Wise King: A Christian Prince, Muslim Spain, and the Birth of the Renaissance (2015).

As súas investigacións enfócanse cada vez máis na importancia da Galicia medieval, dentro e fóra da península ibérica, e nestes momentos está a rematar (en colaboración co historiador Bernard F. Reilly) un libro titulado The Kingdom of León-Galicia in the reigns of King Fernando I and Queen Sancha, que se vai publicar na University of Pennsylvania Press. Co profesor José Miguel Andrade Cernadas coeditou o libro Galicia no tempo de Afonso X (Consello da Cultura Galega, 2021), e co profesor Henrique Monteagudo estea a editar un número especial da Journal of Medieval Iberian Studies sobre o tema “Galicia Medieval: beyond the Camiño” (2022). Os seus outros libros inclúen Why the Middle Ages Matter: Medieval Light on Modern Injustice; In the Light of Medieval Spain: Islam, the West, and the Relevance of the Past; e Border Interrogations: Questioning Spanish Frontiers.

O profesor Simon R. Doubleday foi o fundador da revista académica Journal of Medieval Iberian Studies, e foi presidente da Academia Americana de Historiadores de Investigación da España Medieval. Recibiu subvencións de organizacións tales coma a National Endowment for the Humanities e da John Simon Guggenheim.