Tivo obxectivo achegar a historia medieval de Galicia á mocidade mediante vídeos curtos na rede social TikTok.
Apostando por un ton divulgativo, dinámico e con toques de humor, esta iniciativa propón recuperar episodios clave da historia do Reino de Galicia e presentar personaxes, lugares e conceptos históricos dun xeito entretido, rigoroso e adaptado á linguaxe dixital actual.
A serie está composta por 25 vídeos curtos, realizados integramente en galego, con subtítulos na mesma lingua para garantir a accesibilidade. Os contidos abranguen temas diversos como a coroación de Afonso VII, o trobadorismo, as revoltas irmandiñas, o románico galego, ou figuras como Urraca, Afonso o Sabio, Sancha e Dulce ou Pardo de Cela.
Ademais, abórdanse cuestións como a violencia de xénero ou a diversidade afectivo-sexual no contexto medieval galego.
O proxecto promove tamén a interacción co público a través de retos, preguntas e comentarios, fomentando así unha comunidade arredor do interese pola historia galega. A linguaxe empregada é inclusiva, coidada e validada por un lingüista, e todos os vídeos parten de fontes históricas contrastadas, con asesoramento do historiador Carlos Callón e base bibliográfica en autores como Anselmo López Carreira, Xosé Miguel Andrade Cernadas, Xosé Ramón Pena ou Francisco Rodríguez.
A planificación inicial tivo que adaptarse aos tempos de concesión da subvención, pero a execución completouse segundo o previsto, cos vídeos difundidos entre xaneiro e marzo de 2024. Para adaptarse ao algoritmo de TikTok, algúns vídeos foron agrupados en pezas de máis dun minuto, optimizando así a súa visibilidade.
A acollida superou as expectativas: máis de 361.000 visualizacións únicas en TikTok e Instagram no momento de redacción do informe, e cunha tendencia crecente que fai prever a superación do medio millón.
Unha tiktoker no reino de Galiza demostra o potencial das redes sociais como ferramenta de transmisión cultural e histórica, achegando contido de calidade á mocidade galega e reforzando o orgullo pola súa identidade e pasado.