Pardo de Cela e o Estado Moderno
Don Pedro Pardo de Cela foi encomendeiro da catedral mindoniense. Casa con Isabel de Castro, prima do bispo mindoniense D. Pedro Henríquez de Castro (1427-1445), que lle da «en dote a renta do seo Obispado por dias de sua vida, salvo un tanto que tomou pra seo sustento», mais desde que morre, os sucesivos bispos empezan a reclamarlle eses bens (1449, 1450, 1477) ao que o Mariscal sempre se negou (primeira clave do seu degolamento). A isto hai que engadir que a igrexa quería desfacerse dos encomendeiros polo custo que lles supoñía. Enfrontamentos coa nobreza viñan ocorrendo noutras sés como na de Lugo (1403) ou Ourense (1419). No 1465 Henrique IV noméao alcalde de Viveiro e destitúe a Xoán de Viveiro por apoiar a Afonso e Isabel á coroa de castela. Aos Pérez de Viveiro pertencíalles o señorío de Viveiro e a partir de agora empeza toda unha serie de alianzas e enfrontamentos co Mariscal. O 19 de outubro do 1469 os Reis Católicos cásanse no pazo de Valladolid dos Pérez de Viveiro sendo a madriña María de Acuña, irmá do que sería Xustiza Maior de Galiza no 1480-1483 (segunda clave do seu degolamento). Morto Henrique IV (1474), os Reis Católicos en outubro do 1476, despois da batalla de Toro, césano como alcalde e en xuño do 1478, mándanlle tres cédulas reais prohibíndolle entrar nos concellos de Ortigueira, Viveiro e Mondoñedo (terceira clave do seu degolamento). En outono do 1480 chegan a Galiza os Comisionados reais Fernando de Acuña, López de Chinchilla e Luis de Mudarra con poderes civís e militares para pacificala e crear a Real Audiencia. O 4 novembro os Reis Católicos expídenlle unha Carta de Seguro e Amparo o que nos fai supoñer que comezara o cerco á Frouseira. En plena loita na Frouseira, o cabido en marzo do 1482 trata de quitarlle a Sucesión de Burela a dona Beatriz de Castro e Pedro Bolaño con sentencia condenatoria en outubro na que participa F. de Acuña, se ben non a aceptan, e dona Beatriz rebélase e ocupa bens en San Cristobal e Portocelo. En febreiro do 1483 morre o conde de Lemos e o 31 de marzo mándaselle volver a F. de Acuña a Galiza. Entre xuño-xullo traizoase a Frouseira e en setembro é collido en Castrodouro na casa de Afonso Yáñez, secretario do bispo. É levado preso a Mondoñedo, onde o día 1 de outubro asina o testamento e o 3, o codicilo nunha cámara da casa do cóengo Fernán Balea e dela sae para ser degolado xunto co fillo, Xoán Núñez Pardo, e outros. A finais deste mes, a filla dona Constanza de Castro e o home, Fernán Ares de Saavedra, «furtan» e fanse fortes na fortaleza de Vilaxoán-Caldaloba (Cospeito). Alí, máis dun ano (novembro 1483-xaneiro 1485), enfróntanse ás tropas de López de Haro e outras. Morta dona Constanza polo envelenamento da auga, deponse o cerco, non se derruba a torre porque o pide Alfonso Pérez de Viveiro, sálvaselle a vida a Fernán Ares mais véndeselle todo o morgado en xuño do 1485 en Lugo (final totalmente distinto ao do Mariscal). Mentras tanto, Pedro Bolaño segue sen aceptar as sentencias, desobedecendo os mandatos dos Reis e apoiando ao II conde de Lemos. A familia de Pardo de Cela levou 4 anos de loita, mortes e enfrontamentos contra a política dos Reis Católicos, que se foi impoñendo desde 1480 «manu militari» dos Comisionados e con leis desde a Audiencia e Xuntas do Reino. Galiza perde o seu estatus de gobernanza por imposición dos monarcas de Castela, que acababan de poñer os cimentos e en camiño o Estado Moderno.
Antón Xosé Meilán García
(Mondoñedo, 1950)
É profesor emérito da Universidad de Oviedo, onde se licenciou coa tesina Arcaísmo y conservadurismo lingüístico en el Concejo de Castropol (1980) e se doutorou coa tese La oración simple y compleja en la prosa castellana del siglo XV (1989). Entre outros traballos ten publicados: O “mito” do Mariscal Pardo de Cela (Historia, lendas e literatura), Asociación Cultural “O mundo de Galea”, A Mariña Lucense. El Progreso, 2004; «A orixe e o desenvolvemento do mito de Pardo de Cela ata o século XX», en O Mariscal Pardo de Cela e o seu tempo, Coord. M. A. Valín Valdés, C. A. González Paz, J. R. Fernández Pacios, Deputación de Lugo, 2006; «O último ano do Mariscal Pero Pardo de Cela: o cerco e a traizón da Frouseira», Murguía, Revista Galega de Historia, Santiago de Compostela, XIII, 2007; Os últimos días do Mariscal (O testamento e a Igrexa mindoniense), Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro, 9, 2019; «Anos de loita na Frouseira e en Caldaloba contra os Reis do Reino de Castela», Gaudeamus, Seniors UVigo-Campus de Pontevedra. Edc. 8.ª, Inverno 2021; Dona Constanza de Castro toma a fortaleza de Vilaxoán. Loita, resistencia e morte. Deputación de Lugo. Vicepresidencia. 2021; «O cerco á fortaleza de Vilaxoán: a toma e resistencia de dona Constanza de Castro e Fernán Ares despois de Pardo de Cela», Murguía, Revista Galega de Historia. Vol. 43-44. Xaneiro-Decembro 2021. Participa nas conferencias «As outras linguas de España e Portugal» coa comunicación «A situación do galego en Asturias» na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no 2006, e na de Santiago de Compostela no 2011 co traballo «Pardo de Cela: da historia ao mito».