O Congreso

MOTIVOS

A sociedade na que vivimos é o resultado dunha evolución cuxas raíces se perden no tempo. Ese percorrido colectivo ao longo do tempo é a Historia. O seu coñecemento constitúe a conciencia da nosa formación como pobo, é dicir, as claves que explican o noso presente. Sen iso, careceríamos da propia conciencia de nós. Por iso afirmaba xa Cicerón que ignorar o que aconteceu antes de termos nós nacido é ser sempre un neno, o cal é valido tanto para a biografía da persoa como para a historia da sociedade, que se verían ambos condenados a vivir nun presente intemporal, sen proxecto de futuro. Por iso é forzoso compartir a opinión de John Berger de que a forma máis eficaz de destruír o sentido da identidade consiste en desmantelar e fragmentar sistematicamente a historia, borrar o pasado, pois desta maneira se rompe toda capacidade de resistencia.

Pero poderíamos retroceder moito máis no tempo; ata as mesmas orixes da Humanidade. Desde sempre todas as sociedades procuraron as súas raíces no pasado, e cando non podían acadalo coa certeza da Historia facíano coa elaboración do mito. Coñecer o pasado é unha necesidade intrínseca das sociedades humanas, xa que, como no século V opinaba Agostiño de Hipona, a alma (da persoa e da sociedade, engadimos nós) reside na memoria. Foron sempre moitos os que crían que «ningunha educación é máis apta que o coñecemento das accións pasadas».

O triunfo do liberalismo político que paulatinamente se foi impoñendo en Europa a partir da Revolución Francesa, a longo do século XIX, creou o ambiente propicio para o desenvolvemento da Historia tal como hoxe a concibimos, dotada de metodoloxías que aproximan un coñecemento certo do pasado, pero integrada no esquema político do momento, que perseguía a consolidación do denominado Estado-nación, fronte ás concepcións imperiais e multinacionais do pasado feudal, e a Historia viuse suxeita á misión de xustificar a existencia dos estados contemporáneos, mediante a procura dun remoto pasado que evolucionaba cara á súa conclusión na creación do Estado actual, obviando en cambio a existencia doutros marcos de sociabilidadade diferentes. Desta forma, as metodoloxías de carácter científico de que se dotou a Historia ficaban limitadas pola súa posta ao servizo dun determinado programa político e ideolóxico.

Así, desde principios do século XIX floreceron por toda Europa as historias chamadas nacionais (para sermos exactos, do Estado-nación), das que se extraían os programas escolares, con notorio sesgo de adoutrinamento nacional, mesmo chovinista, cun afán uniformizador dos programas que podía chegar ata o ridículo, como facerlle crer aos escolares das colonias que os seus devanceiros eran os mesmos que os dos europeos e os estados colonizadores as súa patrias. Os nenos do Sahara español atoparían aos íberos e aos celtas nunha común prehistoria e na Reconquista contra os mouros a gran xesta nacional.

Unha lección de Xeografía e Historia no Congo belga, ao redor de 1930 («Queridos amigos, hoxe vouvos falar da vosa patria: Bélxica»).
Os galos, devanceiros de todos os franceses.

Con tales premisas concedéuselle gran importancia á Idade Media, pois non sen motivo percibíase nese longo período de mil anos a fase de xurdimento da actuais nacións europeas e as raiceiras dos Estados modernos; xustamente os dous elementos (nación e Estado) que, combinados constituían o soporte por excelencia do modelo político liberal. Nos inicios da Idade Media irían asentando as bases humanas (raciais) das nacións e no seu remate os fundamentos do Estado Moderno.

A este lugar preferente da Idade Media non serían alleas as propias dificultades de coñecemento con que daquela aínda se enfrontaban os períodos máis recuados, e, polo contrario, a excesiva proximidade dun Antigo Réxime, aínda en boa medida vixente, cando se poñen as bases da sociedade contemporánea. A Idade Media, en cambio, ofrecía mellores posibilidades de observación.

Mais ao mesmo tempo que as historias oficiais evoluían por ese camiño, nas entidades nacionais sen Estado desenvolvíase un esforzo intelectual semellante, desde a súa perspectiva de nación cultural. Valéndose dos mesmos instrumentos epistemolóxicos mostrábase a existencia dunha cultura, un idioma, unha pretendida idiosincrasia, relixión, raza; un pasado común e diferente, constatando así, con maior ou menor énfase, a existencia dunha nación, sen concreción política pero perfectamente identificable. Para todos os pobos, e máis aínda para os que sufriron a mediación externa da súa historia, o descubrimento do pasado representaba «unha resurrección», segundo dicía Michelet, pai da moderna historiografía francesa.

Non pode por tanto estrañar que os primeiros historiadores galegos contemporáneos (Murguía e Vicetto), coa súa actitude reivindicativa do país, militasen no liberalismo progresista, entendendo o proceso histórico como un camiño de emancipación cara a meirandes cotas de democracia.

Así pois, a investigación histórica comezou puntualmente a súa andaina en Galicia, ao mesmo tempo que no resto de Europa. Mais desde ese mesmo momento, ao sacar á luz a propia historia e entendela desde si mesma, facíase inevitable a controversia cunha interpretación oficial que privilexiaba a perspectiva centralista e que outorgaba o monopolio explicativo aos acontecementos que apuntasen na dirección previamente indicada, convertidos en motivos inexcusables da divulgación escolar.

No que á Idade Media se refire, tres obstáculos dificultaron o seu estudo en Galicia. En primeiro lugar os prexuízos que de maneira xeral gravitan sobre a percepción do período, pois os movementos liberais do século XIX dirixíanse explicitamente contra un modelo de sociedade antagónico, o feudal, cunha carga notoriamente pexorativa do termo, sobre o que se facían recaer toda sorte de valoracións negativas, e o feudalismo identificouse co medievo. En segundo lugar, en España pesaba o modelo historiográfico dominante que só daba cabida a unha historia nacional e suxeitaba as periféricas ao esquema centralista, como episodios complementarios e sen coherencia fóra del. Mais tamén, en terceiro lugar, operou negativamente a discontínua evolución da investigación histórica na propia Galicia, incapaz de ofrecer un paradigma da suficiente solidez para contrapesar o imposto polos medios oficiais.

As sucesivas crises (de tipo político e tamén cultural) que se padeceron, primeiro no tránsito do século XIX ao XX e despois a raíz do golpe do 36 e boa parte da ditadura, supuxeron as respectivas interrupcións e mesmo o retroceso no proceso de elaboración da historia de Galicia, pero a partir da década dos anos 70 do pasado século vense experimentando un progreso continuado, tanto na exploración das fontes medievais, particularmente das documentais, das que se posúe un volume moi considerable, como na súa interpretación e, por tanto, na elaboración dun discurso historiográfico no que a explicación da evolución da nosa sociedade vai desprazando os modelos tópicos, pois seguindo a idea de J. Huizinga de que «a historia é a forma en que unha cultura se dá razón do seu pasado», o que hoxe pretendemos é atopar a explicación do noso presente libre de esencialismos políticos anacrónicos.

Ao mesmo tempo, ríxidos esquemas metodolóxicos do pasado, que primaban en exceso determinados aspectos concretos da complexidade histórica (dereito ou política fronte a economía, p. ex.), ceden ante as innovacións introducidas pola historia económica e social e ante a necesidade de restituír a validez de enfoques variados, co retorno a sistemas narrativos, á revalorización da cronoloxía, o recurso á historia máis próxima dentro da concepción globalizadora da historia total.

Desta maneira facilítase o tránsito entre o momento da investigación e o da divulgación, fuxindo da exclusiva erudición para lograr que a historia se socialice, dando satisfacción a unha demanda notoriamente alta por parte da cidadanía, consciente de que no pasado se atopa a explicación do presente e necesitada de potenciar a autoestima, pois, sen faltar á verdade reflectida polas fontes –sen o cal, como atinadamente sostiña o cronista portugués do século XV Fernão Lopes, obraríamos con «fantástico siso ou perversa e maliciosa vontade»–, na historia procuramos a mellor imaxe de nós mesmos.

Pódese afirmar que as condicións actuais da nosa historiografía ofrecen as condicións suficientes para acometer o reto de iluminar ese pasado de mil anos respondendo á necesidade de recuperación da nosa memoria histórica.

A ocasión presenta ademais circunstancias de oportunidade, tanto porque a existencia de Galicia como reino está de certa actualidade, o cal estimula o interese do público por afondar no seu coñecemento, mais tamén porque, en contrapartida, o seu recoñecemento arrastra un retraso evidente con respecto a outros territorios que constituíron reinos e teñen xa celebrado eventos (Navarra, Granada) ou o teñen dabondo recoñecido (Aragón-Cataluña). En afortunada coincidencia con iso, hoxe disponse das favorables condicións políticas que ofrecen algunha administracións públicas (neste caso a Deputación da Coruña), soporte imprescindible para a celebración de actos destas características e con capacidade de publicitación dos mesmos.

Por outra parte, o legado cultural e artístico producido naquel tempo e transmitido ata nós en cantidade e calidade moi satisfactoria facilita un frutífero diálogo entre historia e patrimonio. Permite dispoñer dun marco incomparable de contextualización, demostrando así que o pasado non é algo caduco, senón que plenamente vixentes na nosa sociedade, do que ese patrimonio, entre o cal nos movemos cada día, constitúe o elemento, non único, pero si máis visible. Ao mesmo tempo, a realización do evento proposto dota a ese legado do valor engadido que lle confire o feito de ser publicitado, pois a conciencia do seu significado por parte da cidadanía proporciona a maior garantía da súa conservación e transmisión ás xeracións vindeiras.

Anselmo López Carreira
Curador científico