Breve crónica da prosa medieval galega

Durante moito tempo veu conformando unha verdadeira constante nos traballos arredor da literatura medieval galega, concederlle unha importancia menor -ou mesmo moi menor- ao conxunto da nosa produción en prosa durante semellante período. Desde logo, en moi boa medida, a “culpábel”, por así expresalo, de dito proceder non vén ser outra senón a brillantez, o esplendor acadado pola lírica de noso durante esa mesma etapa que buscamos abordar. En efecto, desde a óptica dos días presentes, non cabe dúbida de que a singularidade, a eficiencia e mais o escentileo dos versos trobadorescos, a súa capacidade comunicativa costitúen un tesouro que non custa aprezar. Doutra banda, e agora desde unha perspectica histórica socio-cultural -e aínda antropolóxica e/ou política-, o eido trobadoresco, e especialmente os cantares de amigo, viñeron ser considerados como unha verdadeira mostra da nostridade: é dicir, un argumento consistente na hora de documentar determindas características psicolóxicas do pobo galego, dentro dos lindes da concepción da propia Galiza como “un país sentimental”. A mesma presenza no noso territorio de capelas, ermidas, santuarios…, topónimos referidos a vales, montañas, ríos, mares… que persisten na actualidade viría consistuír, xa que logo, unha proba fidedigna desa Idade Media “persistente” no máis profundo da espírito galego. Trátase, evidentemente, dunha proxección de xorne romántico que entra en contradición, cando analizamos os textos, coa evidencia de que a lírica trobadoresca, ou unha parte esencial da mesma, responde a unhas regras, a unha retórica que, incorporando elementos populares/popularizantes en determinados xéneros ou subxéneros, remite a un mundo pacego, a uns alicerces cultos que dialogan, ademais, con esoutras mostras procedentes de diferentes lugares da Europa Occidental.

Pois ben; se habemos de movernos con respecto para a contextualización, para o devir histórico, o certo é que a prosa medieval galega si que se manifesta digna de atención. Desde logo, merecente de valor cando se empregan e aplican criterios lingüístico-arqueolóxicos ou incluso esoutros de carácter histórico-político por máis que, no plano literario, constitúa un espazo menor en relación a esoutro da lírica. En fin, a presenza da Materia de Troia, da Materia de Bretaña… dan boa medida das interrelacións entre Galiza e o conxunto europeo e que se fai preciso, en fin, dispoñermos e analizarmos a conxuntura na cal se foi producir dito proceso, un continuum cultural en sintonía con esoutro de carácter lírico por máis que, por así expresalo, os resultados concretos non deveñan -polo menos, en aparencia- tan vistosos coma aqueles do espazo das cantigas.

Xosé Ramón Pena

Naceu en Betanzos, 1956, se ben que desde hai moitos anos ten a súa residencia en Vigo. Licenciado en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pla Universidade de Santiago de Compostela e así mesmo Doutor en Filoloxía Románica pola referida institución.

Foi, até a súa xubilación, catedrático de Lingua e Literatura galegas no IES “Sta. Irene”, Vigo. Igualmente foi profesor na Universidade de Vigo e profesor visitante na Universidade de California (Sta. Barbara). Na actualidade -e desde hai anos- continúa a impartir cursos na UNED.

O seu labor ocupa os espazos do ensaio, a historia da literatura, a prosa de ficción e o xornalismo. No primeiro deles é autor de títulos como Manuel Antonio e a vangarda (1996), Historia da literatura medieval galego-portuguesa (2002), os catro volumes (2013-2019) da Historia da literatura galega ou Martín Codax e os xograres do mar de Vigo (2017). Asemade levou a cabo as edicións de Na noite estrelecida (1988), Da terra asoballada (1994), A esmorga (2001), No desterro (2010) e a Obra poética de F. Delgado Gurriarán (2022). En colaboración con Manuel Forcadela, é autor de Estudos sobre Os Eoas (2005) e, con X.Mª Dobarro, da edición da Poesía completa de R. Cabanillas (2009).

Como narrador, a súa obra comprende, entre outros títulos: Para despois do adeus (1987), A era de Acuario (1997), Fado de princesa (2004), A batalla do paraíso triste (2008), Como en Alxeria (2012), Todas as vidas (2020) e En tempo de desconto (2022).

No eido do xornalismo, é colaborador habitual nas páxinas de Faro de Vigo, xornal oinde dirixiu (2002-2016) o suplemento “Faro da Cultura” no cal segue exercendo como asesor literario.

Ten no seu haber o premio Xerais (1997), o Losada Diéguez (1998 e 2017), o da Crítica Galicia (2015) e o Ramón Cabanillas (2017).