Celebrado
en setembro de 2022
no Museo do Pobo Galego
Santiago de Compostela

Celebrado
en setembro de 2022
no Museo do Pobo Galego
Santiago de Compostela

Carlos Andrés González Paz

[Instituto ‘Padre Sarmiento’]

Contribución á socioeconomía agraria da Galicia medieval: a viticultura heroica nas terras de Mondoñedo

A cidade e o hínterland de Vilamaior de Mondoñedo – núcleo da extensa sé episcopal mindoniense, herdeira territorial da diocese de Britonia e institucional do bispado de Dumio – localízase no corazón da Galecia cantábrica, unha xeografía que, desde unha perspectiva xeolóxica e edafolóxica, revelábase escasamente propicia para a implantación e o desenvolvemento da vitivinicultura. Sen embargo, as fontes escritas relativas à presenza do cultivo da vide e á elaboración e comercialización do viño proliferan de forma significativa desde mediados do século XIII. Este acontecemento histórico transformouse nun sustentáculo transcendental na evolución social e económica mindoniense medieval. A súa pegada acaba evidenciándose nos ciclos agrarios, na lexislación, no sistema tributario, no artesanado e no comercio, na paisaxe urbana, etcétera.

Carlos Andrés González Paz

Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento
[Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) – Xunta de Galicia]

Carlos Andrés González Paz alcanzou o grao académico de especialista en Historia Medieval na Universidade do Porto e o grao académico de doutor en Historia Medieval na Universidade de Santiago de Compostela. É investigador no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e da Xunta de Galicia, localizado no antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela. Ademais, é investigador asociado do Centro de Estudos de Historia da Cidade da Universidade de Santiago de Compostela, así como investigador colaborador do Centro de Investigação Transdisciplinar “Cultura, Espaço e Memória” da Universidade do Porto.

As súas liñas de investigación céntranse na organización socioeconómica da paisaxe medieval do antigo reino de Galicia, na historia social das mulleres na Galicia medieval e no fenómeno histórico da peregrinación, con especial atención ao Camiño de Santiago. Neste sentido, entre as súas últimas achegas, poderían relacionarse O bispado de Mondoñedo na Idade Media: territorio, comunidade e poder, 2 vols., Santiago de Compostela: Editorial CSIC, 2020, ou La peregrinación de la nobleza en la Edad Media, Madrid: Editorial Hidalguía, 2021 [canda a Dra. Marta González Vázquez e a Dra. Helena Guzik].

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros para o seu correcto funcionamento e con fins analíticos. Contén ligazóns a sitios web de terceiros con políticas de privacidade externas que pode aceptar ou non cando accede a eles. Ao facer clic no botón Aceptar, acepta o uso destas tecnoloxías e o tratamento dos seus datos para estes fins.    Personalizar cookies
Privacidad