[Universidade de Santiago de Compostela]

A Gran Fenda. A desagregación do vello “Regnum Gallaeciae” altomedieval e as orixes da monarquía nacional feudal de Galicia (1037-1139 E.C.)

O período entre os anos 1037 e 1139 foi o “século do cambio” no Noroeste peninsular, o momento no que o conxunto territorial e unidade política que fóra a Gallaecia altomedieval, cuxas orixes se remontaban ó Imperio Romano e ó Reino Suevo, chegaría ó seu remate, dando orixe ós Reinos independentes de Galicia e de Portugal. Tres grandes fenómenos históricos enmarcan esta decisiva etapa. Primeiramente, ca derrota e morte no ano 1037 do derradeiro monarca da dinastía galaico-leonesa, Galicia e a nobreza galaica perden o protagonismo que exerceran ata daquela dentro do Norte peninsular cristián a prol de Castela e da nova dinastía real navarro-castelán e os seus aliados. En segundo lugar, como consecuencia en boa medida do devandito, a reformulación da nacinte monarquía feudal nacional de Galicia plantea serios problemas de encaixe dentro do Imperio Hispánico dos reis Fernando I, Afonso VI e Afonso VII, que non poucas veces derivarán en conflitos abertos, tanto da aristocracia galaica ca monarquía como de diferentes bandos enfrontados entre si As diferentes solucións adoptadas, que ían dende unha maior submisión á corte de León ata a abortada existencia política como reino independente dentro dun compacto dinástico, non conseguirán de momento xerar un consenso amplo no político e no social. E así chegamos ó terceiro gran fito histórico do período: a progresiva apertura dunha fenda insalvable entre a Galicia nuclear e as terras estremeiras de alén do baixo Miño e do Limia, que desembocará na proclamación de Portugal como un reino independente no ano 1139 baixo da éxida de Afonso Henriques, un príncipe da dinastía real e á vez un magnate galaico, mentres a vella Gallaecia cismiñota vencellará o seu destino político ó Reino de León-Galicia dos descendentes do seu curmán e rival Afonso Raimúndez.

Carlos Baliñas Pérez

(León, 1961)

Licenciado en Xeografía e Historia (1984) e Doutor en Historia (1990) pola Universidade de Santiago e Compostela. Realizou estudos posdoctorais no Reino Unido e foi British Academy Visiting Professor na Universidade de Birmingham. Dende 1999 é Profesor Titular de Historia Medieval da USC, con destino na Facultade de Humanidades de Lugo. O seu campo de investigación prioritario é a Historia Social da Galicia Altomedieval (anos 700-1100), tendo como liñas subsidiarias o estudo da paisaxe histórica, a proxección social do urbanismo medieval na cidade de Lugo e as orixes do artellamento territorial de Galicia. É autor dos libros Defensores e Traditores: un modelo de relación entre poder monárquico e oligarquía na Galicia altomedieval (718-1037) (1988); Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX) (1992); e Gallegos del año Mil (1998). Así mesmo, é co-editor da colección de estudos Sub Urbem: Historia, sociedade e cultura da cidade (2012). Ten publicados preto de 30 artigos sobre temas da súa investigación en galego, castelán e inglés en revistas e obras de conxunto nacionais e internacionais, así como traducións de obras históricas do inglés ó español. É Corresponding Editor para a Península Ibérica da revista especializada Early Medieval Europe e asesor científico para diversas publicacións académicas. É Socio de Número da “Sociedad Española de Estudios Medievales”. Entre os anos 2007 e 2017 foi vogal da Comisión Provincial de Patrimonio Histórico de Lugo da Xunta de Galicia en representación da USC.