[Historiador da arte]

    A arte na Galicia tardorromana e medieval. Desde a creación do reino ao ano 1000

    O período a revisar, pola extensión de seis séculos e pola fluidez da cronoloxía ao tratarmos de obras concretas, non se deixa encadrar en esquemas e límites tradicionais ao enraizar na romanidade cristiá e disolverse na grande mudanza do século XI.

    Así delimitado, o espazo é o da sociedade galega marcada pola lembranza de Roma e relixiosamente ligada a ese legado mais tamén polo substrato cultural anterior. Un acervo que fai parte da unidade esencial das sociedades europeas plenamente afirmadas nos séculos VIII e IX e que ten os alicerces na tradición tardorromana.

    Este ciclo histórico e cultural é aberto polo reino suevo e continuado polo visigodo e nel conflúen romanidade, cristianismo e xermanismo. A arte desta época continúa a tradición tardoimperial; é herdeira directa da paleocristiá e aos trazos tardoromanos acrecenta a contribución dos conquistadores, nun ambiente xa cristianizado.

    A conquista musulmá supuxo unha mudanza de escenario no conxunto de península, mais en Galicia o dominio islámico non se consolidou, o que leva á conformación dun espazo cristián, que correspondía á antiga provincia da Gallaecia. Sitúase nesta altura a descuberta do sepulcro de Santiago, transcendental para o futuro político e cultural.

    A arte galega, fortemente enraizada na tradición do Baixo Imperio e na xermánica, con elementos de substrato galaico sempre presentes, non se viu afectada substancialmente polo mundo islámico, algo evidente na catedral de Santiago.

    Esta basílica erixida en tempos de Afonso III (872) e destruída por Almanzor (997) era un dos edificios máis importantes da época, maior que as igrexas asturianas coevas, mais lonxe da monumentalidade das construción otonianas e da arquitectura realizada alén Pireneos, con quen, no entanto, este tipo de edificios está en débeda. Outras construcións como San Xes de Francelos lévannos ao mundo clásico cunha celosía co motivo da videira.

    O peso da tradición caracteriza os templos galegos coñecidos do século X, como Santa Mª de Mixós. Son edificios sinxelos, con excepción, entre os conservados, de Santa Miguel de Celanova, alfaia da arquitectura da décima centuria. As plantas destas igrexas son variadas; hainas basilicais como Mixós ou Santa Eufemia de Ambía; de nave única con ábsida rectangular como San Salvador de Samos, Santa Mª de Loio ou Santo Antoniño de Toques; dunha nave e ábsida de ferradura como San Martiño de Pazó, San Martiño de Mondoñedo e Santa Mª de Vilanova dos Infantes. Singular é San Miguel de Celanova un pequeno oratorio construído por san Rosendo (940). É un exemplo perfecto do que desde o traballo de Gómez Moreno Iglesias mozárabes (1919) se denomina arquitectura mozárabe, terminoloxía hoxe cuestionada, pois é indiscutíbel que estes edificios responden funcional e tecnicamente á tradición preislámica. Celanova, alén diso, non semella estar construído por mozárabes. Ademais, san Rosendo está vinculado á monarquía –non é un mozárabe- e mesmo en territorio berciano Santiago de Penalba debe a construción a promotores galegos como san Xenadio.

    Noutros templos galegos temos decoracións achegadas a Celanova, como o alfiz de San Martiño de Pazó ou os modillóns conservados da igrexa de Santa Mª de Vilanova dos Infantes. Ao ambiente artístico da diócese de Ourense responden igualmente os restos doutras igrexas: de San Xoán de Camba e de Reza Vella.

    A escultura desta época limítase a relevos planos, con frecuencia a bisel, esgrevios nas escasas representacións de figuras, como o orante de San Martiño de Pazó. Algo posteriores poden ser os relevos de Camba mais son de tradición anterior e de formas rudimentarias, sen presenza de fórmulas románicas. Os elementos decorativos, como os modillóns de Celanova ou Vilanova dos Infantes labrados a bisel, aínda que con influencias cordobesas, entroncan coa tradición galaica que se remonta mesmo ao mundo castrexo con rosetas e rodas helicoidais.

    Carlos L. Bernárdez

    (Vigo, 1958)

    É historiador da arte. Ensaísta de temas artísticos e literarios e comisario de exposicións. Desenvolve a crítica de arte nos suplementos “Faro da cultura” do Faro de Vigo e en Sermos de Nós Diario.

    No ámbito da análise cultural mantén dúas liñas de traballo, unha dedicada á literatura galega e outra centrada na historia da arte, orientada á construción de análises sobre arte galega que supoñan unha descentralización dos relatos -ruptura do esquema centro/periferia.

    Entre os seus libros están Bestiario en pedra. Animais fantásticos na arte medieval galega, en colaboración con X. R. Mariño Ferro (NigraTrea, 2004); Breve historia da arte galega (NigraTrea, 2005); Maruja Mallo, a pintura da nova muller (NigraTrea, 2010); Do idilio á diáspora. Modernidade e compromiso na pintura galega de Castelao a Seoane (Ed. NigraTrea, Vigo, 2011); Un pintor que sabía o que facía. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane (Laiovento, 2016), Identidade e universalidade. Lecturas de pintura galega (Laiovento, 2018) e Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta (Laiovento, 2020).

    No ámbito dos estudos literarios publicou De catro a catro de Manuel Antonio (Do Cumio, 1991); A emoción da Terra. Poesía de Vicente Risco (Espiral Maior, 1994); Cincuenta anos de poesía galega II (Penta, 1994); Romanceiro en lingua galega, con X. R. Mariño (Xerais, 2002); Lorenzo Varela, vida e obra (Xerais, 2005) e as edicións da Poesía galega de Lorenzo Varela (Xerais, 1990); Fírgoas de Manuel Luís Acuña, en colaboración con R. Nicolás (Xerais, 1992); Obra dramática de Ramón Cabanillas, con M. Vieites (Xerais, 1996); A pega rabilonga. Os ruíns de X. M. Álvarez Blázquez (Galaxia, 2008) e Samos de Ramón Cabanillas (Xerais, 2009). É coautor do volume Literatura galega. Século XX (A Nosa Terra, 2001).