[Profesor de Investigación do CSIC. Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento]

Vellas e novas liñaxes no reino de Galicia (Séculos XIII-XV)

Como xa anticipei nalgunha ocasión anterior, o triunfo e consolidación do sistema de parentesco vertical ou agnato, proceso que cabe situar ao redor dos séculos XII e XIII, tivo un conseguinte reflexo na cristalización social do concepto de liñaxe. Por iso, no que se refire ao vello reino de Galicia, as estirpes máis temperás que poden identificarse con claridade son algunhas ramas familiares derivadas dos vellos Traba da plenitude medieval: así, os Limia, os Novoa e os chamados Orcellón, ademais dos Castro –de orixe castelá pero galeguizados xa a comezos do século XIII– e dunha vintena de outros grandes grupos familiares, como os Valladares, Meira e Sarraça, os Rodeiro, Camba e Gres, os Mariño, Soga e Lobeira, os Deza, Churruchao e Gallinato, os Ulloa, Abeancos, Medín e Temes, os Valcárcel, Balboa e Cornado, ou os Sanabria, Losada e Somoza. Ao longo do século XIV, mais en particular trala entronización dos Trastámara, produciríanse notables cambios na composición deste grupo inicial: a extinción biolóxica dalgúns grupos familiares, a perda de poder e a prostración política de outros, posibilitou a conformación e rápido ascenso doutro bo número de liñaxes máis ou menos novas, a maioría oriúndas de Galicia e algunhas de procedencia foránea. Unhas e outras integrarían, a grandes riscos, o conxunto dos que cabe denominar como «liñaxes históricas» galegas –uns 60 ou 65 en total–, en tanto que a consolidación dos seus patrimonios e a fixación dos seus signos de identidade se produciron ao pouco do conflito dinástico do século XIV.

A partir de aquí podería trazarse un primeiro panorama xeral. Na área de Pontevedra, en primeiro término, o protagonismo compartiríano os Gago, os Avendaño, os Aballe, os Cru e Montenegro, os Agulla, os Aldao… Cara ao norte destacarán tamén os Acosta, os Suárez del Reino, os Romay, os Pazos de Provén… E cara ao sur, aproximándose á raia de Portugal, serían os Arines, os Troncoso, os Alemparte, os Araujo ou os Correa. Na área coruñesa, os Aponte e os Montoto participarían activamente na vida urbana da capital, moitas veces asociados –ou enlazados– coas máis antigas liñaxes da zona. Cara ao norte, asomarían ademais os Freijomil, os Mandiá, os Pita da Veiga ou os Serantes, e cara ás terras de Bergantiños farano xa os Carantoña, os Riobóo, os Pardiñas e Villardefrancos, ou os Leis. En Betanzos, que foi capital dunha das antigas provincias do reino galego, o panorama que dende antigo dominaban os Andrade, os Pardo, os Figueroa e os Vilouzás, completaríase con outros igualmente antigos, pero vindos de outros puntos, como os Párrega, os Mariñas, os Piñeyro, os Noguerol, os Lemos ou os Villamarín, aínda que a todos eles se sumaría despois outras estirpes máis modernas, como foi o caso dos Taibo. E no espazo compostelán, xunto ás grandes estirpes da rexión e a outras vinculadas á esfera eclesiástica, sobresairían algúns antigos burgueses, como os Ocampo ou os Abraldes, así como outras estirpes vindas de distintos puntos da xeografía galega, como os Cao de Cordido ou os España, e outras de fóra de Galicia, como os Mondragón ou os Acevedo. Na área ourensá dominarían os Puga, os Tangil, os Ambía, os Feijó, os Villamarín, os Gato, os Salgado, os Sotelo, os Oca… Na cidade de Ourense, cunha axitada vida local na que participarán con crecente autoridade moitos deles, especialmente os primeiros, que foron rexidores e se vincularon aos Sarmiento, figurarán, ademais, os Gayoso, os Seixas e os Noguerol, os tres vindos de terras lucenses, e tamén os Mosquera, que representarían os intereses da Casa de Lemos. E en terras da provincia de Lugo, xa por fin, os Alfeirán, os Cervo, os Cora, os Galo, os Vizoso ou os Pedrosa, dominarían a área de Viveiro. Os Luaces, os Basanta, os Miranda, os Ron, os Cabarcos ou os Teixeiro faríano en terras de Mondoñedo, mentres os Gaibor, os Picado, os Prado, os Gayoso e os Lugo, os Páramo, os Neira ou os Cedrón asomarían no ámbito urbano de Lugo. E os Gundín, os Moure, os Saco, os Quiroga, os Varela, os Garza ou os Goyanes ocuparían posicións sólidas nas terras do sur da provincia. Este sucinto panorama aínda se completaría ao avanzar o século XV, sobre todo durante a segunda metade da centuria, ante o crecente peso que na vida galega adquirirían outro pequeno número de estirpes de extracción diversa, moitas novas e algunhas non tanto, e a maior parte téndose enriquecido á sombra dos mosteiros e cabidos catedralicios, alcanzando ao mesmo tempo un indubidable protagonismo entre as punxentes oligarquías urbanas.

Todas estas vellas e novas liñaxes, cun número que se aproximará ao centenar e medio como pouco, conformarán o núcleo principal do gran concerto nobiliario da Galicia dos séculos modernos. Numericamente constituíron pouco máis ca un dous por cen da poboación galega e no momento final –a comezos dos século XIX– alcanzaría unha cifra aproximada non superior aos 10.000 individuos.

Eduardo Pardo de Guevara y Valdés

Profesor de Investigación do CSIC
Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento

Ponteceso (A Coruña), 1952.

Doutor en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid (1984), onde exerceu a docencia na cátedra de Paleografía e Diplomática. En 1988 ingresou no CSIC e estivo destinado na Institución «Milá i Fontanals» (Barcelona) e máis tarde no Instituto de Historia (Madrid). En 1994 incorporouse como Científico titular ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), onde ascendeu sucesivamente a Investigador científico (en 2002) e xa por fin a Profesor de investigación (en 2008).

As súas liñas de investigación céntranse no ámbito da Historia da Idade Media, particularmente entre os séculos XIII e XV, prestando unha atención específica á historia social do poder (historia política e social dos grupos de poder en Galicia). Cultiva tamén os estudos de Xenealoxía e Heráldica medievais.

Foi investigador principal de preto dunha trintena de proxectos competitivos nacionais e autonómicos, así como de numerosos contratos de investigación. É autor de máis dun centenar de artigos e dunha vintena de libros e edicións. Entre as súas obras máis coñecidas destaca o Manual de heráldica española (1987, Aldaba Ediciones, e 2000, Edimat) e, en relación con Galicia, Don Pedro Fernández de Castro, VII conde de Lemos (1996, Xunta de Galicia), Palos, fajas y jaqueles. La fusión de armerías en Galicia durante los siglos XIII al XVI (1997, Deputación Provincial de Lugo), Los señores de Galicia (2000, Fundación Barrié de la Maza), Don Pedro Álvarez Osorio. Un noble berciano del siglo XV (2008, Fundación Pedro Álvarez Osorio), De linajes, parentelas y grupos de poder. Aportaciones a la historia social de la nobleza bajomedieval gallega (2012, Fundación Cultural de la Nobleza Española) o Parentesco e identidad en la Galicia medieval (2016, Cuerpo de la Nobleza del Antiguo Reino de Galicia) e a edición do volume Mujeres con poder en la Galicia medieval (Siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos (2017, Anexo 44 de CEG, Editorial CSIC), onde inclúe sesenta biografías da súa autoría. A súa última publicación é Linajes y armerías en el reino de Galicia (Siglos XIII-XVI), Xunta de Galicia, 2022 (edicións en francés, alemán, inglés, español, portugués e galego).

É director do IEGPS, así como viecpresidente do Comité Español de Ciencias Históricas, presidente do Instituto Internacional de Genealogía y Heráldica e vicepresidente académico da Confederación Iberoamericana de Genealogía. É, ademais, membro do Consello da Cultura Galega e de diversas comisións asesoras da administración autonómica galega, como a “Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia”, da que é vicepresidente.

Por outra parte, é académico de número, entre outras, da Academie Internationale d’Héraldique, a Academie Internationale de Généalogie e a Real Academia Matritense de Heráldica y Genealogía, así como correspondente en Lugo da Real Academia da Historia e académico de honor ou correspondente en España de máis dunha vintena de institutos e corporacións académicas europeas e americanas.

Foi delegado institucional do CSIC en Galicia (2012-2019) e director da revista Cuadernos de Estudios Gallegos e das súas dúas series bibliográficas, “Anejos” y “Monografías”, así como responsable da colección “Galicia Histórica”, editada pola Fundación Barrié (na actualidade é o responsable da serie bibliográfica Anejos de Cuadernos Gallegos e membro dos comités asesores de varias revistas científicas españolas).