[Investigador]

    O Reino de Galicia na heráldica europea

    Entre os símbolos que identifican un país figuran as bandeiras e os escudos de armas, sendo estes últimos os que máis representacións teñen ofrecido aos distintos países europeos. Galicia –como realidade política, social e cultural de seu dende o abrente do medievo– conta a partir do século XIII cun brasón propio que o distingue de xeito iconográfico dos outros pobos do continente. Será no Segar’s roll, rolo de armas que diversos autores datan cara a 1282, onde se certifique –de momento– o primeiro testemuño heráldico do pobo galego. Por mor da similitude entre os termos Galicia (Galice, en francés) e cáliz (calice, no mesmo idioma), tal obxecto da vaixela dos nobres e dos reis serve de emblema falante do noso reino.

    Primeiro foron tres os cálices representados e logo, en distintos armoriais, aparece unicamente un –provisto ou non de tapa– e xeralmente espido doutros mobles heráldicos no campo do brasón. Certifican o antedito diversos libros de emblemas, nomeadamente: L’armorial du héraut Vermandois, Egerton Tract, Redinghoven, Lyncenich e Bergshammar. Nesta mesma liña, pero na variante iniciada polo Segar’s roll, figura o escudo que se lle asigna ao Roy [de] Galacie nunha das letras capitulares do Sherborne Missal, libro litúrxico inglés realizado non máis tarde de 1407. Porén, será a partir da primeira metade do século XV cando ao campo do brasón galego se lle incorporen outros elementos, concretamente trevos trilobulados. O número deles adoita ser de catro, tal e como se representa nos armoriais de Nancy, André Rineck e Coislin-Séguir; mais, tamén son varias as versións nas que o campo fica sementando destes vexetais. Neste aspecto, non só se conta cos códices de Jean V de Bueil e Beinecke, senón tamén co Livre du Cœur d’Amour Éspris, obra alegórica elaborada por René d’Anjou, rei de Xerusalén, cara a 1457.

    Alén desta liña de emblemas falantes, no século XV testemúñanse dúas tendencias máis. Unha é aquela na que escudos con barras de azur e ouro, ou de azur e prata, aluden ao Rei de Galicia. Logo do Concilio de Constanza (1414-1418), Ulrich von Richentals elabora a súa Crónica sobre o acontecido. Dela consérvanse moitos manuscritos e incunábeis nos que se plasman un número considerábel de escudos de reis, dignidades eclesiásticas e institucións, sendo un deles o do “rei de Galicia”. A outra corrente ha ser a que estenda Pedro de Gracia Dei, “Rei de Armas” de Fernando de Aragón e Isabel de Castela. Desta volta, o Faro Brigantino (ou Torre de Hércules) pretende identificar o noso país, talvez influenciado pola numismática de Fernando I de Portugal, rei de Galicia entre 1369 e 1371. Que teñamos constancia, esta é a primeira representación do noso emblema a nivel Peninsular, pois aparece publicada na obra Blasón General de todas las insignias del Universo (1489). Uns anos máis tarde o cáliz tamén distingue a Galicia entre os reinos peninsulares. Diego Hernández de Mendoza no seu libro de armas (1497) achega este emblema, xa totalmente difundido por Europa e vinculado co reino galego.

    No que atinxe ás cruces, que han ser tan características no noso escudo ao longo da Idade Moderna, será no tapiz de Franz von Tassis, conservado de xeito fragmentario en Bruxelas, onde localicemos quizais o primeiro exemplo. Debeuse rematar a súa confección non antes de 1519 e, a partir desa data, convivirán con esta versión aqueloutras arriba citadas, agás as dos trevos. En diversos edificios europeos campan as armas de Galicia (catedrais, palacios, sede de gremios…) e incluso se poden contemplar en lareiras, chemineas, obras de arte e libros de diversa temática. As mesmas, e non só cunha función ornamental, senón tamén política, estarán presentes en Bruxelas canda a celebración das exequias fúnebres de Isabel de Castela, Fernando de Aragón, Carlos V e Filipe II.

    Héitor Picallo

    Nado en Cuntis, o 18 de outubro de 1974, é enxeñeiro técnico naval pola UDC, aínda que tamén se dedica á escrita e á ilustración.

    Publica en revistas científicas como Anuarium Sancti Iacobi, Boletín de Xenealoxía, Heráldica e Nobiliaria de Galicia; Compostellanum, Conimbriga, Murguía, Museo de Pontevedra, Tapa… Artigos xornalísticos del ven a luz n’A Nosa Terra, Diario de Arousa, Diario de Pontevedra, Galicia Confidencial, Galicia Hoxe, Luzes, Nós Diario, Sermos Galiza, Terra e Tempo… Por algúns deles é recoñecido cos premios de xornalismo Máximo Sar (2005) e Reimóndez Portela (2012).

    Ademais de inmiscirse na literatura infantil, é autor dos ensaios: Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo Galego (2008), Coa lingua na terra (2013), Cuntis na época romana (2016), No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos (2018), As Letras Galegas en Caricatura (2020) e O escudo do Reino da Galiza: unha (re)visión (inter)nacional (2021). Foi comisario d’O Castro tamén na orixe da Literatura Infantil e Xuvenil Galega (2020).

    No eido das artes plásticas, expón en institucións como o Museo de Pontevedra, San Martiño Pinario e o MUPEGA (ambos en Compostela), o MOME (A Estrada), o Museo Valle-Inclán (A Pobra), os Museos de Artes do Gravado e Lustres Rivas (ambos en Ribeira), Museo da Guarda (Portugal), Museo Manuel Torres (Marín), Museo do Mar de Galicia (Vigo) etc. Neste último colabora na mostra d’O Pergamiño Vindel (outubro 2017 – marzo 2018).

    Debuxos arqueolóxicos seus saen en publicacións como Románico: Revista de Arte de Amigos del Románico, obras internacionais como Priscillians Vermächtnis auf dem Sternenweg (2017) de Ralf Pochadt e en libros específicos do Museo Valle-Inclán (A Pobra), institución que conserva 44 pezas orixinais del.

    Algunhas das súas composicións sobre autores das Letras Galegas foron portada nos xornais Galicia Hoxe e El Correo Gallego.