[Universidade de Santiago de Compostela]

    Galicia e a lírica trobadoresca

    A partir de aproximadamente o ano 1100 comeza a expandirse por Europa un fenómeno que representa unha auténtica innovación cultural: a lírica trobadoresca, que reúne as características de ser de carácter culto, de temática profana, estar composta en lingua vulgar (e non en latín) e ser obra de autores que teñen interés en conservar o seu nome. As composicións combinaban harmoniosamente texto e melodía, porque estaban concibidas para ser cantadas; e, agás no xénero satírico (que aproveitaba a música de cancións coñecidas para provocar un mellor efecto bulresco), as melodías tentaban ser, na medida do posible, orixinais, se ben se producen casos de imitación de pezas famosas para, dalgunha maneira, recoñecer implicitamente a auctoritas dos seus autores.

    As primeiras manifestacións prodúcense en lingua occitana, pero cara mediados do s. XII xa se elaboraban cancións en francés e alemán, e, nas últimas décadas dese mesmo século, en galego. En italiano hai intentos tempranos, pero a eclosión non vai ter lugar ata ca. 1230, na corte siciliana de Federico II.

    Na promoción e propagación da lírica trobadoresca desempeñan un papel importante reis e magnates. Non esquezamos que o primeiro trobador do que se conservaron nome e obra foi Guilhem de Peitieu, vasalo do rei de Francia pero moito máis poderoso ca el. E, entre os que continuaron a súa obra, bastaría mencionar a Ricardo Corazón de León, Alfonso II de Aragón, Thibaut de Champagne (rei de Navarra)… ou, entre nós, Afonso X e Don Denis.

    Centrándonos en Galicia, a aristocracia de reino de Galicia – León é o núcleo aglutinador das primeiras xeracións de trobadores, que compoñen entorno á década de 1170. Entre os nomes máis antigos coñecidos (que figuran na Tavola Colocciana, pero dos que se perdeu a produción) están representadas liñaxes autóctonas que emparentan con nobres de procedencia occitano – catalana que veñen a esta terra, probablemente, acompañando a Berenguela de Barcelona cando casa con Afonso VII. Souto Cabo estudou atentamente unha serie de relacións familiares nas que van aparecendo os Cabrera e os Urgell misturándose con grupos asentados en Galicia e no norte de Portugal entre os que, en moitas ocasións, van aparecendo membros da todopoderosa (no século XII) familia Traba, descendente do conde de Galicia D. Pedro Froilaz, sepultado na catedral compostelana a carón dos monarcas Fernando II e Afonso IX. Nos esquemas xenealóxicos consultables en http://bernal.cirp.gal/ords/meddb3/r/129/files/static/v49Y/esquemas_xenealoxicos.pdf pode comprobarse, por exemplo, cómo D. Rodrigo Diaz dos Cameiros é bisneto de Pedro Froilaz (polo seu fillo Rodrigo Perez o Veloso), igual que Johan Velaz (neto da súa filla Toda) ou (e deste si se conserva unha produción significativa) Osoir’Anes (neto de Fernando Perez).

    Os datos históricos postos de manifesto por Souto Cabo, Ron Fernández e outros estudosos veñen confirmar a proposta de Resende de Oliveira de que, con toda probabilidade, unha das primeiras compilacións de lírica trobadoresca galego-portuguesa corresponde a magnates galegos, trobadores moitos deles e outros (ou as súas esposas) grandes mecenas deste movemento. Cómpre non esquecer, neste sentido, as mulleres desa familia Traba, cultas e afeccionadas aos cantares que interpretaban para elas creadores da súa contorna inmediata ou xograres ao seu servizo.

    Dalgúns dos trobadores máis antigos dos que conservamos os nomes non chegaron a nós os textos, pero as composicións transmitidas polo cancioneiro da Ajuda -compilado aproximadamente a finais do s. XIII, non sabemos onde nen por encargo de quen- son obra (identificable a través das copias presentes tamén nos apógrafos italianos, que si teñen rúbricas atributivas), na súa maior parte, de trobadores galegos ou do norte de Portugal que, en calquera caso, se moveron tamén por diversas cortes do territorio galego-leonés. Un foco importante de producción nas primeiras xeracións debeu de ser o sur da provincia de Ourense, pero tamén (e quizais cunha cronoloxía más ampla) tivo que existir unha actividade notable en Santiago de Compostela.

    Outro dato significativo é que a lingua empregada no Cancioneiro da Ajuda (igual que a do Pergamiño Vindel) amosa determinados trazos escriptolóxicos que a aproximan á das Cantigas de Santa Maria e a caracterizan fronte a cambios que se advirten nas copias italianas de principios do s. XVI dun perdido Libro di portughesi.

    Mercedes Brea

    É catedrática xubilada de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Desempeñou varios cargos académicos nesta universidade, entre eles os de Directora do Servizo de Publicacións, Vicerreitora de Profesorado e Decana da Facultade de Filoloxía. Coordinou o Máster e o Programa de Doutoramento en Estudos Medievais. Dirixiu a Escola de Doutoramento en Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, e coordinou o grupo de investigación GI-1350 da USC, ademais da Rede de estudos medievais interdisciplinares, subvencionados ambos pola Xunta de Galicia.

    Dirixiu unha decena de proxectos de investigación do Plan Nacional, e varios de carácter autonómico, ademais do proxecto Lírica galego-portuguesa, que se desenvolve no CRPIH (codirixido desde 2014 pola Prof.ª Pilar Lorenzo Gradín) e cuxos principais resultados son as bases de datos MedDB, BiRMED e PalMed, que poden ser consultadas libremente en www.cirp.gal.

    Organizou varios congresos internacionais e dirixiu (ou codirixiu) máis de quince teses doutorais. Tamén editou ou coeditou varios volumes misceláneos sobre temas diversos de literatura medieval.

    Formou parte de numerosos comités de avaliación (de docencia e de investigación) nacionais e autonómicos, e presidiu algúns deles. Colaborou tamén con axencias de avaliación doutras comunidades autónomas e doutros países, e forma parte do comité científico de moitas revistas da súa especialidade.

    As súas liñas de investigación máis destacadas son, por orde cronolóxica: a) procedementos de formación de palabras, b) morfosintaxe románica, c) literatura románica medieval. Esta ocupa un lugar prioritario nas últimas décadas, nas que se ocupou, de maneira particular, de lírica trovadoresca, e, en menor medida, das CSM, narrativa breve…

    A curto e medio prazo, os seus obxectivos están relacionados coas bases de datos da lírica galego-portuguesa. Entre as súas publicacións máis recentes cómpre destacar, en coautoría con A. Fdez. Guiadanes e G. Pérez Barcala, As anotacións de Angelo Colocci nos cancioneiros galego-portugueses (http://www.cirp.gal/publicacions/pub-0552.html).