[Universidade de Salamanca]

    Fontes e historiografía do reino suevo. Unha relectura

    A historia do reino suevo de Gallaecia ven marcada pola natureza das súas fontes. A maioría delas tiveron unha perspectiva dalgún xeito ‘negacionista’. Aínda sendo a primeira entidade constituída como reino no interior do Imperio romano, o noso principal informante, o cronista Hidacio, móstrase remiso a recoñecer como regnum a entidade política coa que convive. Non o fai até 456, cando anuncia a súa desaparición a mans das tropas de Teodorico. Só ao final da súa crónica e da súa vida Hidacio parece mostrarse de acordo en que os suevos constituíron unha realidade política que debe ser tida en conta, xa non son as gentes perfide, como lembra aínda en 460, se non un reino que se non é lexítimo polos seus orixes, canto menos conformou unha entidade que en ningún caso pode negar. Hidacio apenas sabe nada de cales podan ser as estruturas internas desa monarquía, só do efecto que causan ao seu redor, do rexeitamento que provocan e tamén da sedución á que someten outros sectores da poboación, a unha parte da aristocracia disposta a buscar unha colaboración, a construír unha realidade territorial nova.

    Esa perspectiva colaborativa parece terse imposto no período entre 469 e 550, cando se produce unha colusión de intereses fronte á agresividade goda. A figura de Martín de Braga, grazas á súa propia e a unha historiografía entregada a enaltecer a súa tarefa como factótum da conversión ao catolicismo e de organizador da súa Igrexa, escureceu o que probablemente fora parte dun longo proceso de negociación entre a elite guerreira sueva e as aristocracias, sexan romanas ou indíxenas, laicas ou eclesiásticas, que Hidacio foi debullando na súa Crónica. A correspondencia entre o papa Vixilio e o bispo Profuturo de Braga, datada no ano 538, é un texto que dá conta da normalización de relacións no seo da sociedade galaica, normalización que fai comprensible un proceso de confluencia cara o catolicismo que as fontes focalizaron en Martín. Sen dubidar do seu papel como misioneiro, a monarquía sueva non debe ser vista como un escuro apéndice da historia post-imperial, é indubidable que conta co recoñecemento dos monarcas merovinxios (é Gregorio de Tours o primeiro en falar dun Galliciense Regnum) e moi probablemente da corte de Constantinopla.

    A identificación Regnum Suevorum – Galliciense Regnum foi sen dúbida eficaz, a persistencia da Gallaecia como unha parte diferenciable na constitución posterior do reino visigodo, probablemente proceda deste período, dun século VI no que a corte de Braga foi amplamente recoñecida. Porén, a historiografía visigoda volveu negar o pasado suevo. Apenas unhas poucas noticias de Xoán Biclarense e Isidoro de Sevilla, relativas á conquista, quedaron como lembranza dos seus veciños peninsulares. Trala violencia exercida durante a anexión e aquela que sen dúbida acompañou á conversión e que apenas se lembra nas actas do III concilio de Toledo, o reino suevo de Gallaecia desapareceu das fontes. O inmenso peso que o goticismo ía impor nas construcións históricas dos reinos de Asturias, León, Castela e despois España, ía borrar a lembranza sueva da inmensa maioría das crónicas, en calquera caso ninguén pareceu mostrar interese ningún en vincular o seu presente co pasado duns derrotados, por máis que contribuíran notablemente na conformación da súa identidade territorial post-romana.

    Pablo C. Díaz Martínez

    Catedrático de Historia Antiga na Universidade de Salamanca, centrou as súas investigacións no ámbito do período tardo-antigo. Os procesos de adaptabilidade institucional de suevos e visigodos, a continuidade ou ruptura nas formas de explotación do territorio, o papel social e institucional das distintas formas do monacato peninsular, ou a resposta das comunidades campesiñas fronte ás formas dominantes no contorno ocuparon as súas investigacións máis recentes. Coordinador do Grupo de Investigación Recoñecido Antigüedad Tardía y Alta Edad Media en Hispania (ATAHEMIS), participou en numerosos proxectos de Investigación que centraron a súa atención no noroeste ibérico. Entre eles: La Hispania septentrional en la Antigüedad tardía: integración y resistencia frente a las estructuras sociales y políticas dominantes; Colapso y regeneración en la Antigüedad tardía y Alta Edad Media. El caso del noroeste peninsular; Formación y dinámica de los espacios comunales ganaderos en el noroeste de la península ibérica medieval: paisajes e identidades sociales en perspectiva comparada. Froito dese traballo son numerosos estudos en relación coa Gallaecia tardo-antiga, entre os máis recentes: «Bárbaros, romanos y la conformación de identidades provinciales en el siglo V: el caso de Gallaecia», en Tommaso Gnoli, Valerio Neri (eds.), Le identità regionali nell’impero tardoantico, Milano 2019, pp. 99-137; «Toribio de Astorga y sus corresponsales. Argumentos dogmáticos y control jerárquico», Gerion 39-2 (2021), 631-646. Como traballo de conxunto citar El reino suevo (411-585), Madrid 2011, 302 pp.