[Museo da Catedral de Santiago]

    A Arte na Era Compostelá: unha Catedral para os reis de Galicia

    A ARTE NA ERA COMPOSTELÁ: UNHA CATEDRAL PARA OS REIS DE GALICIA
    Ramón Yzquierdo Peiró. Museo Catedral de Santiago

    RESUMO
    O papel xogado por reis e raíñas foi fundamental para a creación e consolidación do fenómeno xacobeo e da catedral compostelá; tamén no que respecta ao ámbito artístico, de forma que, cada gran proxecto desenvolvido na basílica foi posible, sempre, grazas ao decidido apoio da monarquía. Así, tal e como sinala a tradición, sen o pulo que lle deu Afonso II ao descubrimento milagroso do sepulcro apostólico, este acontecemento non tería alcanzado a dimensión que tivo de xeito inmediato; e, máis adiante, grazas a Afonso III, se configuraría un novo templo para acoller a uns peregrinos cada vez máis numerosos, ao mesmo tempo, que comezaron a chegar as primeiras ofrendas reais que, ademais de privilexios, supuxeron ricos obxectos que pasaron a conformar o Tesouro compostelán.
    Ao apoio dos reis de cada momento, débense as diferentes etapas que marcaron a construción da catedral románica, iniciada por Afonso VI, -quen lle quitara ao seu irmán García o reino que o seu pai lle concedera na partición realizada á súa morte-, que foi representado nun dos chamados “capiteis fundacionais” situados na cabeceira, e continuada pola súa filla Urraca da man do arcebispo Xelmírez quen, ademais, educou ao futuro Afonso VII, coroado como Rei de Galicia en 1111, sendo aínda un neno, no altar maior do templo. Foi, este período xelmiriano, o que configurou unha nova catedral concibida baixo a dirección do propio prelado e que contou coa participación dun selecto grupo de artistas de procedencia francesa encabezados polo chamado Mestre de Praterías. Foi, sen dúbida, a primeira metade do século XII, un verdadeiro tempo de esplendor no que se concentra a maior parte da chamada Era compostelá.
    Tras Xelmírez, outros dous reis de Galicia resultaron chaves para rematar a construción dunha catedral que aínda estaba inacabada, nesta ocasión coa participación do Mestre Mateo, quen asumiu a dirección das obras en 1168, grazas a un Privilexio outorgado por Fernando II; e as rematou no 1211, cando tivo lugar a solemne cerimonia de consagración en presenza do arcebispo Pedro Muñiz e do rei Afonso VIII.
    O proxecto mateano, fundamental para a creación dun novo estilo e dunha arte galega con personalidade propia que se iniciou na catedral compostelá, supuxo ademais unha actualización do xa feito en etapas previas, entre outras cousas, porque o templo íase converter, xunto ao seu carácter de santuario apostólico e sé episcopal, na catedral nacional e lugar de enterramento dos reis de Galicia e a súa familia. Para elo, acabou por configurarse de xeito oficial, no extremo norte do transepto, no lugar onde moi probablemente xa se soterraran antes os seus antepasados máis inmediatos, un novo Panteón Real.
    Hoxe en día, a pesares de ter unha relevancia histórica excepcional e de ser, curiosamente, pouco coñecido entre a sociedade galega, a catedral segue albergando o Panteón Real compostelán, aínda que, como tal, foi trasladado en 1535 á súa actual localización no edificio claustral. Alí se atopan, entre outros, os sartegos coas esculturas xacentes –de influencia mateana- e os restos dos reis Fernando II e Afonso VIII, da raíña Berenguela e de Raimundo de Borgoña, esposo da raíña Urraca.
    Por tanto, o percorrido pola arte na Era compostelá será unha viaxe artística á construción das primeiras basílicas asociadas ao sepulcro apostólico, ao proceso construtivo da catedral románica, dividido en fase sucesivas ata a súa conclusión coa cerimonia de consagración e a configuración do Panteón Real e, por fin, a aquelas testemuñas e obxectos artísticos que chegaron aos nosos días, ben nas súas ubicacións orixinais, ben incorporadas, por diversas vías, aos fondos do Museo Catedral de Santiago.

    Ramón Yzquierdo Peiró

    (Santiago de Compostela, 1972)

    No ano 2009 foi designado para o posto de Director Técnico do Museo Catedral de Santiago, que desenvolve na actualidade. Previamente, desde 2044, era Conservador desta mesma institución, hoxe xestionada pola Fundación Catedral de Santiago; coa que levaba colaborando de maneira estreita desde tempo antes.

    É Doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha tese centrada no estudo das coleccións artísticas da catedral de Santiago, dirixida polo Catedrático José Manuel García Iglesias, que obtivo a máxima calificación por parte do tribunal. Así mesmo, é Licenciado en Xeografía e Historia, na especialidade de Historia da Arte, pola mesma Universidade; Máster en Xestión e Conservación de Bens Culturais pola Universidade da Coruña; Experto universitario en Interpretación ambiental e do patrimonio cultural polas Universidades Oberta de Catalunya e das Illes Balears; e Especialista en conservación de Bens Culturais polo Instituto do Patrimonio Histórico Español (Ministerio de Cultura).

    Completou a súa formación en museoloxía, xestión e conservación do patrimonio cultural con bolsas de especialización e investigación do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia e da Deputación provincial da Coruña.

    Desenvolve boa parte do seu traballo no ámbito do desenvolvemento de proxectos museísticos e as exposicións temporais. Neste apartado, entre outras mostras destacadas, foi Comisario e director de edición do catálogo de Mestre Mateo, celebrada entre os anos 2016 e 2018 no Museo Nacional do Prado e no Museo Catedral de Santiago.

    A súa actividade investigadora céntrase, fundamentalmente, no estudo dos fondos artísticos da catedral, en particular, do proxecto mateano e da colección de tapices, sendo autor de numerosas publicacións, artigos científicos e divulgativos, capítulos de libros e monografías.