[Moderadora dos coloquios do xoves día 22]

Alexandra Cabana Outeiro

Nacida en Cangas do Morrazo en 1975, é luguesa de crianza e no rural de Lugo segue vivindo actualmente.

Licenciada en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde tamén se doutorou en 2003, é especialista en paleografía e historia medieval. A súa tese de doutoramento centrouse na edición do Tombo H da Catedral de Santiago, sobre a que foi avanzando cuestións en distintos artigos e da que unha primeira parte foi premiada co Ferro Couselo de Investigación en 2001. A súa fidelidade á lingua galega medieval fíxoa transcender dos criterios paleográficos habituais na historiografía e a paleografía galegas para facer unha achega propia entroncada coas edicións filolóxicas. Esta capacidade de encontro entre as perspectivas historiográficas e filolóxicas fíxoa formar parte do equipo do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega (TMILG) do 2003 ó 2006, e da Comisión Técnica de Gallaeciae Monumenta Historica (CCG) desde o 2019, dentro da que elaborou a compilación Fontes editadas para a Historia Medieval de Galicia. Os últimos vinte e cinco anos (1986-2011).

Implicada activamente na divulgación da historia e do patrimonio cultural, foi vicepresidenta da Asociación Galega de Historiadores (AGH) e fundadora e coordinadora de Murguía. Revista Galega de Historia, na que ten publicado varios artigos sobre patrimonio e lingua galega na Idade Media, ademais doutras achegas. Ten colaborado con distintas empresas e organismos na creación de exposicións, elaboración de guías e roteiros, destacando a súa Guía da Provincia de Lugo en coautoría con Darío Xohán Cabana ou a exposición e publicación 250 anos das Feiras do San Froilán con DeHistoria.

Catedrática de Ensino Secundario, exerce como profesora de Xeografía, Historia e Arte no IES da Terra Chá (Castro Ribeiras de Lea). No seu labor docente fai un fincapé na dinamización lingüística e na interdisciplinariedade e a transversalidade, ademais de na divulgación e conservación do patrimonio. Destaca tamén a súa experiencia e formación na xestión de centros educativos en xeral, e en bibliotecas escolares en particular, asuntos dos que ten tratado en distintos artigos e ponencias en encontros, congresos e actividades de formación do profesorado.