[Universidade de Valladolid]

    Terras, condados, territorios: recompoñendo un crebacabezas

    Por debaixo da gran circunscrición política que constitúe un reino atópase, polo xeral, unha estrutura de complexidade variable que articula o territorio e facilita o exercicio do poder sobre este. O seu coñecemento e estudo está condicionado polas fontes conservadas así como polo momento cronolóxico, pois non estamos ante estruturas fixas e continuas durante todo o período medieval, senón en constante evolución, con ritmos e esquemas propios para cada territorio. Estas ideas xerais son aplicables sen ningún xénero de dúbida ao regnum Gallaeciae, para o que as fontes presentan un panorama complexo desde o punto de vista da organización administrativa no que non resulta fácil elaborar un listado de entidades nin establecer unhas características propias ou unha nómina pechada dos topónimos cos que se designaba a cada unha destas circunscricións.

    Nesta presentación proponse un percorrido polos distintos elementos que compuñan a organización administrativa do reino medieval galego, prestando especial atención ao período anterior á definitiva reunificación de León e Castela con Fernando III en 1230. Como se recolle no título, a situación é comparable á dun crebacabezas, e a labor da investigación pasa por identificar as pezas e buscar o lugar no que estas encaixaban; tres delas son as terras, os condados e os territorios, ás que se suman outras quizais menos coñecidas como os commissos.

    Na primeira parte atenderemos á cuestión da diversidade léxica, un dos principais problemas que atopamos ao abordar o estudo da organización administrativa do territorio galego medieval; moitos dos termos empregados conviven no tempo e incluso aparecen en datas próximas acompañados dun mesmo topónimo. Ilustraremos esta complexa realidade por medio de exemplos tomados das fontes documentais, como é o caso de Présaras, ben coñecido grazas aos documentos dos tombos de Sobrado, e que aparece nos textos como territorio, condado, commisso ou val.

    Despois dunha aproximación máis teórica pero apoiada en casos de estudo concretos, e que necesariamente deberá ser breve pola limitación do tempo dispoñible, na segunda parte abordarase a cuestión de cales eran, con nome propio, esas entidades, e como se distribuían polo territorio galego, facendo fincapé nas dificultades que existen á hora de tentar fixar os límites de cada unha. Son poucas as testemuñas documentais que conservamos nas que se describe con precisión o perfil dunha entidade co grao de detalle suficiente para poder trazalo sobre un mapa, e aínda nos casos nos que hai tal descrición non sempre é doado identificar cada un dos lugares sinalados. Presentaranse exemplos prácticos de reconstrucións con distinto grao de éxito, incidindo no seu carácter excepcional.

    Desde un punto de vista metodolóxico aludirase ás distintas opcións das que dispoñemos para o cartografado das unidades administrativas do territorio galego medieval, mostrando tamén as opcións elixidas por outros autores. Temos por un lado a localización no mapa de cada circunscrición por medio só do nome, sen trazar liñas divisorias nin representar os puntos que se corresponden con cada lugar asociado a ela. Outra posibilidade é a da representación por medio de nubes de puntos, que se corresponden cun lugar que na documentación aparece asociado a un determinado nome de entidade territorial e que sumados nos permiten coñecer a área que esta ocuparía. Unha terceira opción é a do mapa interactivo, a de tradición máis recente pero con amplas posibilidades como incluír máis información asociada ou reflectir os casos nos que se documenta a adscrición dun só lugar a dúas entidades diferentes.

    Con todo isto preténdese presentar unha panorámica da organización territorial do reino de Galicia, tentando mostrar como é posible, tirando do fío da documentación, ir recompoñendo e unindo as pezas que formaban a rede de entidades que o estruturaban.

    Mariña Bermúdez Beloso

    Licenciada en Historia Medieval, actualmente é profesora axudante doutora na Universidad de Valladolid. A súa tese doutoral, defendida no ano 2017 e co título O espazo do occidente peninsular e a súa organización territorial (ca. 700-ca.1250), céntrase no estudo do territorio do noroccidente peninsular, principalmente o galego, durante os séculos centrais da Idade Media. Continuou con esta liña de investigación no seu proceso posdoutoral, con especial atención á cartografía. É membro do grupo de investigación “Scripta. Escritura, pensamento e sociedade” da USC, e colaboradora externa do proxecto CODOLGA (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades). Ten participado en distintos proxectos tanto do ámbito autonómico como nacional, e realizou estadías de investigación en Portugal (Universidade do Porto), Austria (Institute for Medieval Research, Austrian Academy of Sciences) e en Inglaterra (University of Birmingham). Entre as súas publicación destaca a monografía ‘Ad tudensem ecclesias que in vicio sunt’: a organización do espazo da antiga diocese de Tui ao Norte do Miño (Valga, 2018) e os artigos “Presares: comitatum, commisso, territorio? Dimensión documental e espacial dun topónimo abandonado” (2019), “Una cartografía para los once condados de la diócesis de Lugo: hacia una nueva aproximación al ‘Parrochiale Suevum’ ” (2020, coautoría con Luis M. Ibáñez Beltrán) e “Alfonso X e a organización do espazo galego: o final dos tenentes?” (2021). No ano 2022 creou a páxina web Cartografando a Galiza medieval, na que presenta un mapa interactivo cos resultados provisionais da reconstrución da organización do territorio galego na Idade Media (https://mapagalizamedieval.wixsite.com/cartografando-a-gali).