[Historiador]

Reis antes do Reino: arredor da entidade e pervivencia das xefaturas tribais galaicas ata o albor da Idade Media

Na antiga Gallaecia, moito antes do Reino medieval, documéntase unha institución que a todas luces compartiu trazos do que podemos dar en chamar «realeza». Trátase do principatus galaico, cuxo nome figura en varias inscricións de época romana, remitindo, con todo, a un fondo cultural indíxena, castrexo. O principatus afástase do universo institucional da realeza medieval cristiá arredor da que versa este Congreso, contrapondo en troques un fondo pagán, indoeuropeo, que remitiría a unha xefatura tribal estadialmente anterior á conformación do Estado, da que son numerosos os paralelos antigos, e da que o principatus constituiría un exemplo de plasmación rexional. Neste Relatorio, feitas as debidas apreciacións conceptuais, preséntase un resumo dos coñecementos actuais arredor da devandita institución, que xunguen os datos circunstanciais das propias inscricións romanas que o documentan, canda indicativos da cultura material e inmaterial da Prehistoria galaica, enmarcados tanto na cultura castrexa coma noutros horizontes crono-culturais anteriores. A xefatura que agocha o principatus é sen dúbida moi anterior á súa plasmación epigráfica, pero tamén poida que acadase unha ampla supervivencia posterior, non documentada de maneira directa. Malia que a evolución política da Gallaecia romana, co afianzamento do Estado, foi lesiva para as estruturas tribais anteriores e as súas xefaturas, numerosos indicativos literarios e arqueolóxicos de época tardo-antiga e medieval suxírennos a súa supervivencia marxinal en certas áreas. Así pois, explóranse algúns destes indicativos, que poden enriquecer a perspectiva das orixes do Reino medieval galego: un Estado de dereito propio construído sobre un poder local xurídica e organizativamente máis rico e diverso do que se adoita concibir, no que houberon de figuraren aínda as vellas estruturas tribais galaicas e as súas xefaturas.

Martín Fernández Calo

É licenciado e doutor en Historia, autor de varios libros e numerosos artigos centrados sobre todo na historia antiga galega e nas súas institucións socio-políticas. Desempeñou a súa actividade profesional relacionada coa súa formación como bolseiro do Arquivo Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra e no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela; amais de como profesor de ensino secundario en varios institutos públicos galegos. Entre a súa obra académica destaca a monografía «Callaici principes: os soberanos da Galiza castrexa», galardoada no 2019 co XII Premio de Ensaio «Manuel Murguía»; e a súa tese de doutoramento «Xenealoxía do poder local galaico na Antigüidade», lida e cualificada con sobresaliente cum laude na Universidade de Santiago de Compostela no 2020.