[Universidade de Santiago de Compostela]

    As Xuntas e o final do Reino

    De primeiras, podería chamar a atención que, xusto despois da afirmación do poder real en Galicia nos comezos da Idade Moderna, aparecese unha institución nova, que dalgún xeito daba personalidade política ao noso Reino e contribuíu a particularízalo ate a nova división provincial de Javier de Burgos. A orixe e consolidación das Xuntas do Reino Galicia é un proceso aínda non ben coñecido, pero sabemos que se desenvolve no primeiro terzo do século XVI, ao mesmo tempo a aparición das novas provincias internas, primeiro cinco e logo sete. Pero trátase, en principio, dunha asemblea que a monarquía utiliza como intermediaria para levar a bo termo as peticións fiscais e militares, que non era doado repartir nun territorio que pola súa “constitución” (hábitat, malas comunicacións, división en xurisdicións e coutos de señores…) opoñía moitas resistencias aos poderes externos ás comunidades veciñais. As Xuntas, formadas por un deputado de cada cabeza de provincia, debían vir agora en axuda das autoridades monárquicas, como recordaba o gobernador en 1552, tratando do reparto polo miúdo de certos trabucos.

    Non obstante, as Xuntas tamén procuraron negociar asuntos que, en opinión dos seus membros, pertencentes á fidalguía, resultaban de interese para o Reino, tal como a defensa das súas costas e por riba de todo a recuperación do voto en cortes. Non é casualidade que desde 1522 a cuestión do voto quede en mans da nova asemblea, moi diferente na súa composición da reunión de feudais que tivera lugar en Melide o 4 de decembro de 1520, para impedir que a guerra das Comunidades prendese en Galicia, e na que tamén pediron o voto os congregados. Derrotados os comuneiros, e asentado de novo o poder real en 1522, non haberá máis asembleas de feudais, e o protagonismo político vai corresponderlles aos cabaleiros deputados das cabezas se provincia.

    A actividade máis intensa das Xuntas do Reino ten lugar desde fins do século XVI ate o remate da guerra de Sucesión. Desde 1599 as reunión foron moi frecuentes e os deputados tiveron coidado de que se araquivasen as actas dos acordos tomados. As necesidades, que ían en aumento, de recursos fiscais e de levas extraordinarias, da monarquía, obrigaron ao gobernador a convocar frecuentes reunións, algunhas moi longas, nas que os deputados non sempre se amosaron dóciles, en particular durante o reinado de Carlos II e nos anos da guerra de Sucesión. A recuperación do voto en cortes en 1623, a cambio dun donativo que debería ir destinado a financiar a “escuadra de Galicia”, foi un éxito político, pois as cidades cabezas de provincia pasaron a controlar a recadación do chamado servizo de “millones”, de modo que Galicia deixaba formar parte do espazo fiscal de Zamora.

    Finalizada a guerra de Sucesión, os deputados, que se resistirán a votar certos pedidos e a que os soldados concedidos saísen o Reino, foron chamados á Madrid, retidos e amoestados, e partir de entón as reunións serán bastante rutineiras, dedicadas a renovar a concesión dos millóns e chegado o caso a negociar outras materias, caso da renovación dos foros ou de privilexios comerciais, como ten sido estudado por Manuel María de Artaza.

    O percurso da Xuntas de Reino non pode facerse, entendo, en branco ou negro. Como institución parlamentaria tiñan sen dúbida debilidades: salvo circunstancias concretas, reuníanse por mandado do monarca ou do gobernador e capitán xeneral; carecían de recursos fiscais propios; había frecuentes liortas entre as cidades, e ningunha chegou a ser recoñecida oficialmente como “cabeza”; negociaban, pero non lexislaban nin gobernaban, e o fundamental, non defendían “liberdades”, “constitucións” ou “foros”, como acontecía coas cortes dos territorios da coroa de Aragón e de Navarra, coas xuntas das provincias bascongadas ou cos Estados Xerais de Bretaña, que garantiron, namentres existiron, un entramado institucional do que en maior ou menor medida se beneficiaba toda a poboación .

    Pero por outra parte, as Xuntas conseguiron que durante toda a Idade Moderna Galicia mantivese unha personalidade política que daba visibilidade institucional e sentido identitario ao Reino, como acreditan as actas editadas (as fundamentais por Antonio Eiras Roel), o feito de que chegasen a nomear cronista e tamén elaboración de moitas historias de Galicia, unhas imprentadas e outras non, e nas que de acordo cos criterios da época, o Reino galego é cualificado coma o máis antigo, o máis nobre e o máis cristián dos que formaban a monarquía católica. Coa nova división provincial desaparecerá o Reino unitario, dando orixe unha situación político-administrativa nova, da que axiña tomaron conciencia algúns intelectuais da década de 1840.

    Pegerto Saavedra

    Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela.

    Principais liñas de investigación: O mundo rural galego, 1480-1860. Demografía, economía, sociedade, cultura.

    Ducia e media de libros, entre eles Economía, política y sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo (Madrid, 1985); A Facenda real na Galicia do Antigo Réxime (Santiago, 1993); La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen (Barcelona, 1994; versión máis breve en galego de 1992); Das casas de morada ó monte comunal (Santiago 1998); Señoríos y comunidades campesinas en la España del Antiguo Régimen (A Coruña, 2003); O Antigo Réxime. A Sociedade e Política e Cultura (5 vols. dentro de la colección A Gran Historia de Galicia, La Voz de Galicia, 2007); Demarcacións, topónimos, papeis, memoria. Sobre a división e control do territorio na Galicia Moderna, A Coruña, Real Academia Galega, 2013., La opulencia de los hijos de san Berndardo. El Císter en Galicia, c. 1480-1835 (Zaragoza, 2021); é tamén editor de varias obras, por exemplo, de Señores y campesinos en la península Ibérica, siglos XVIII-XX, Barcelona, Crítica, 1991, 2 vols. (coeditor con Ramón Villares). Medio cento de artigos en revistas especializadas de varios países, e máis dun cento de colaboracións en obras colectivas

    Investigador Principal en catorce Proxectos e contratos e director ou codirector de unha ducia de Teses de doutoramento.

    Pertence a varias institucións culturais, entre elas á Real Academia Galega.